Datos personales

miércoles, 23 de enero de 2019

Algo de paz




Hai días melhores e outros non tanto, mas como me lembrou unha amiga, da escuridade nace a creatividade, aínda que a veces é unha companheira difícil de aturar.


De cando en vez síntome atrapada en ningures.
Sinto o baleiro da minha voz petando nas paredes (e tornándome).
Sinto o pesar de quen vive sen estar, do sonho sulagado, da eterna esperanza.
De cando en vez sinto minha mente despegar e tarda días en retornar a cordura;
Sinto pés para que vos quero e cos cueiros ás costas.
Síntome atada aos fráxiles pulsos de dúas nenas mentres as correntes de ar xogan co meu rumo. Son globo.
De cando en vez quero só ficar calada e non contestar, nen ouvir; algo de paz…
Outros días sinto de novo o retumar da minha voz contra outra parede, hai moitas e rodéanme.
Vexo seres aludidos que compiten no devagar da razón e eu, aboiante, transito as súas correntes, namentres as faíscas do solpor vanse apagando.
Sinto e non quero sentir; vexo e non quero ver; só quero ficar calada e non contestar, nen ouvir;
Só algo de paz…
29/06/17


No hay comentarios:

Publicar un comentario